publicidade hoxe

Rogelio Martínez supervisa o remate das obras do plan marco en Nogueira de Ramuín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNogueira de RamuínOurense
A-
A+
Rogelio Martínez na visita a Nogueira de Ramuín

Rogelio Martínez na visita a Nogueira de Ramuín

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou esta mañá as obras levadas a cabo no concello de Nogueira de Ramuín, recollidas no Plan Marco Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013/2014 e que supuxeron un investimento de 41.435 euros.

O delegado territorial, supervisou os resultados dos traballos do concello, acompañado polo alcalde de Nogueira de Ramuín, José César Parente, e polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Yago Borrajo. Estas actuacións consistiron na mellora do firme asfáltico e a substitución da capa de rodaxe dos accesos aos núcleos de Santa Cruz e Rubiacós, e do camiño á ermida Virxe do Monte dende o núcleo de Requeixo, pertencentes á rede viaria municipal.

Segundo salientou Rogelio Martínez, “con estas iniciativas búscase dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais”. O delegado territorial engadiu que as subvencións reguladas neste programa “están a contribuír á fixación da poboación e ó fomento da actividade económica destes lugares”.

O goberno autonómico investiu preto de 3.600.000 euros durante o exercicio 2013/2014 no Plan Marco para a consecución de melloras na provincia ourensá. Martínez destacou que estes investimentos “demostran o compromiso da Xunta co desenvolvemento das poboacións rurais da nosa provincia”.

29 de agosto de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.