Riveira promove un curso de formación de especialistas en turismo náutico para desempregados
O Concello de Riveira promove a celebración a partir do mes de setembro dun novidoso curso dirixido a formar a 15 persoas nunha das especialidades con máis auxe e expectativas de emprego dos últimos tempos: o turismo náutico.
Para poder aspirar a unha praza nesta iniciativa, orientada a dempregados e enmarcada no plan AFD da Xunta de Galicia, basta cumprir dous requisitos básicos: saber nadar e ter o graduado escolar. Ademais haberá que superar unhas probas de selección entre todos os aspirantes.
Os asistentes ao curso recibirán un total 234 horas de clases teórico-prácticas con materias como surf, paddleboard, windsurf o kaiac. As clases darán comezo o día 22 de setembro e prolongaranse ata o mes de novembro. Ao concluír recibirase unha titulación que acredita ás persoas formadas a súa capacitación para dedicarse ao turismo náutico.
A parte teórica desenvolverase na Aula CeMIT ubicada na rúa Cubeliños, mentres que as clases prácticas desenvolveranse en distintas praias (como Coroso e O Vilar).
Oficina de Orientación Laboral
Está previsto que as probas de selección teñan lugar o 16 de setembro. Os interesados poden solicitar máis información na Oficina de Orientación Laboral, que está situada na Casa da Xuventude (981 835 289 / orientacionriveira@riveira.com).
A idoneidade de realizar este novo curso formativo engarza no mesmo espírito que accións impulsadas recentemente dende o Concello co obxecto de loitar contra o paro no noso municipio. Tal é o caso do novo obradoiro de emprego Curota que empezará o vindeiro 1 de setembro (compartido co resto do municipios de Arousa Norte), dos cursos de formación e perfeccionamento hostaleiro desenvolvidos esta pasada primavera, dos cursos sobre atención socionanitaria a persoas no domicilio ou do plan de emprego local que se materializou na contratación temporal de persoal de limpeza de praias, socorristas, carpinteiros, condutores de vehículos motobomba, etc…











