Riveira inaugura unha nova cita gastronómica, a I Festa do Polbo de Palmeira

Presentación da Festa do Polbo de Palmeira
O municipio de Riveira dará cabida este verán a unha nova cita gastronómica. Trátase da Primeira Festa do Polbo: un evento organizado polo Concello que se desenvolverá os vindeiros días 30 e 31 de agosto na explanada portuaria da localidade barbanzá.
Juan Luis Martínez como tenente de alcalde, os edís de Cultura e Turismo Anxo Orellán e Elvira Pisos, e os concelleiros de Palmeira Emilio Pérez e Maricarmen Vizcaya, compareceron este mediodía no Consistorio para informar dos detalles desta cita.
Encantos
Martínez Queiruga manifestou que con esta festa é intención do Concello recuperar o ambiente das feiras tradicionais e de paso cumprir unha dobre intención: dar a coñecer os encantos que atesoura a localidade de Palmeira e exaltar un produto tan noso como é este molusco cefalópodo.
A festa arrancará este sábado ás 12 do mediodía cun pregón que será ofrecido por un dos palmeiráns máis recoñecidos: o músico Enrique Paisal, histórico compoñente da non menos mítica formación Los Tamara, que se encarga actualmente de dirixir a Coral Polifónica Municipal.
O programa incluirá moita animación musical (con charangas durante o mediodía, ruadas a cargo grupo local A Gandaina e concertos polas noites: o sábado con Fisherman’s Blues e o domingo con Smoke) e tamén outras actividades que contribuirán a aumentar o atractivo da festa. Neste senso, a partir das 12 do mediodía do día 31 haberá unha masterclass de zumba á cal se poderán apuntar todos aqueles afeccionados a esta novidoso baile, e unha hora máis tarde unha exhibición de taekwondo impartida polo club Natural Sport.
Ademais, diversos postos de artesanía estarán enclavanos na zona festiva.
Veloso
En canto á exaltación gastronómica en si, quen se encargará de preparar as racións será un veterano pulpeiro como é Manuel Veloso, terceira xeración dunha saga de auténticos mestres en preparar este produto.
Dende a organización se quixo agradecer a colaboración da Comisión de Festas de Palmeira e dos bares Baluarte, de Alejandro e Manolo o do Café.
Ademais, os edís Maricarmen Vizcaya e Emilio Pérez celebraron o feito de que Palmeira puidera dar cabida a este acontecemento, que se espera sexa a primeira de moitas edicións e sirva para animar a que os turistas se animan a alongar a súa estancia no municipio.











