Os mellores xardíns de Riveira son premiados durante o acto de recepción ás Raíñas da Flor

Premiados como mellores xardíns de Riveira
Como vén sendo tradicional, o día despois das Festas de Verán de Riveira acolleu o acto de recepción no Consistorio Local ás raíñas da flor que foron coroadas onte ademais de protagonizar un desfile de carrozas polas rúas da cidade.
Foi o alcalde Manuel Ruiz quen recibiu a estas pequenas, nun evento que serviu tamén para agasallar os mellores xardíns das nove parroquias do municipio.
Neste último senso, os responsables dos mellores xardíns foron Encarna Pérez (por Santa Uxía de Riveira), Joséfa Álvarez (Aguiño), Conchita Olveira (Artes), Beatriz González (Carreira), Rosa Piñeiro (Castiñeiras), Victoria Castelo (Palmeira), Rocío Pérez (Olveira), José Manuel Luaces (Corrubedo) e María Celia Blanco (Oleiros). Tamén se obsequiou dun xeito especial á comunidade de veciós da Urbanización Horta de Ferrer, en Aguiño, que recibiu unha placa de pedra para ser colocada neste enclave.
Finalmente, como todos os anos as dezaoito raíñas da flor e os xardineiros e damas da flor recibiron paquetes de lambetadas nun acontecemento que tamén contou coa intervención da presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas, e da concelleira de Medio Ambiente, Elvira Pereira.











