O Porriño pon en marcha unha nova edición do concurso musical “Tes talento?”
O Concello de Porriño a través da Concellaría de Festexos que dirixe Alejandro Lorenzo, organiza por terceiro ano consecutivo o concurso de novos talentos do Val da Louriña “Tes Talento?”. Este certame musical, enmarcado dentro da programación das Festas do Cristo 2014, ten como principal obxectivo descubrir e dar a oportunidade de darse a coñecer a novos talentos da música, así como promover actividades culturais no noso municipio e promocionar a estes músicos emerxentes nun concurso musical estruturado en varios concertos en directo.
Todos aqueles que queiran participar nesta nova edición dirixida a artistas amateurs, solistas, dúos ou grupos dun máximo de tres persoas sen límite de idade, que desenvolvan a súa vocación musical no noso país en calquera dos diferentes estilos musicais e idiomas, poderán formalizar a súa inscrición desde o vindeiro luns 2 de Setembro e até o 12 de Setembro, nas dependencias do Centro Cultural de Porriño en horario de 9.00h a 21.00h.
Todos os concursantes partirán das mesmas condicións (mesmo espazo, backline…) e terán tres minutos para demostrar a súa calidade musical a un xurado composto por tres especialistas do ámbito artístico e cultural e un representante do departamento de cultura do Concello de Porriño, e presidido polo concelleiro de festexos M. Alejandro Lorenzo.
O concurso, do mesmo xeito que en anteriores edicións, desenvolverase en dúas semifinais e unha final que terán que superar todos aqueles que sexan seleccionados tras o casting que se celebrará o próximo 16 de Setembro. O xurado outorgará tras a final o primeiro, segundo e terceiro posto que recibirán un premio en metálico de 2.000 €, 1000 € e 500 € respectivamente.











