O Porriño pecha 2013 cos mellores resultados económicos da historia do municipio
O Concello do Porriño rexistrou ao peche do 2013 e por segundo ano consecutivo, un resultado orzamentario positivo cun superávit de 1,8 millóns de euros. A concelleira de Economía e Facenda, Iria Lorenzo, expuxo onte durante a sesión plenaria o resultado económico do Concello do Porriño no exercicio 2013 que, cumprindo estritamente con todos os requisitos de estabilidade orzamentaria e regra de gasto, e contando cos informes favorables de intervención, foi aprobado polo pleno da corporación local.
Cabe destacar o importe destinado as axudas de benestar social a familias necesitadas, sendo estas un 60% maior que as orzadas e aumentando un 42 % con respecto ao 2012.
Do mesmo xeito, as contas contemplan os 240.000 euros destinados ás axudas por dependencia no fogar, 120.000 euros destinados a actividades de promoción da saúde desenvolvidas en locais sociais e asociacións e os máis de 600.000 euros dirixidos a subvencións culturais, deportivas e axudas ao deporte, que inclúen as subvencións nominativas a todos os clubs e o financiamento de acontecementos deportivos.
Así mesmo, estes resultados, froito da política de contención e redución do gasto que leva a cabo o Goberno Local, arroxan un remanente de tesouraría de 3,7 millóns de euros e unha débeda bancaria (na que se inclúe o Plan de Pago a provedores de 2011) que supón un 20% respecto ao ingreso total das contas, sendo esta cifra a máis baixa na historia do noso municipio. Neste sentido, cabe destacar que, a 31 de Decembro do 2013, o endebedamento por habitante no Porriño é de 171 euros, situándose como unha das máis baixas do país cunha media nacional de 885 euros por habitante. O alcalde do Porriño, Nelson Santos, aclara que este endebedamento se verá aínda máis reducido a finais deste ano, pois se prevé amortizar unha cantidade importante”, o que situaría a débeda por habitante por baixo dos 150 euros ao peche do exercicio 2014.











