O director da película “Encallados” charlará co público de Riveira tras a proxección do filme no Malecón
Dentro da programación da Fiestra da Cultura 2014, este sábado 9 de agosto vai ter lugar no Malecón de Riveira a proxección da película “Encallados”, dirixida por Alfonso Zarauza.
O propio Zarauza estará presente durante a exhibición deste filme, que foi galardoado cos Premios Mestre Mateo 2014 nos apartados de dirección de fotografía, montaxe e mellor película para televisión.
A actividade dará comezo ás 21.30 horas cunha charla coloquio entre o público e o director. Todas as persoas que se acheguen ao Malecón poderán charlar co cineasta acerca de distintos aspectos ligados á sétima arte: como levar a cabo un proxecto cinematográfico, como se traballa cos actores, como se logra financiación…
Xa ás 22.30 horas terá lugar a emisión da película, cun reparto formado por Xulio Abonjo, Federico Pérez, Ricardo de Barreiro, Farruco Castromán e Luis Tosar.
“Encallados” narra a complexa e convulsa posta en marcha dunha produción cinematográfica, co sumario do caso Prestige como fondo narrativo.
Cancelación
Doutra banda, cómpre informar da cancelación doutra actividade que estaba programada para esta fin de semana na Fiestra da Cultura: a minifeira de artesanía de Galicia prevista para o domingo 10 de agosto.











