Máis de 250 corredores inscribíronse para participar na carreira popular en Corrubedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRiveira
A-
A+

O municipio riveirense vai contar este ano cunha nova carreira popular que se vai disputar este venres 15 de agosto na parroquia de Corrubedo.

A iniciativa está coorganizada pola Comisión de Festas desta localidade e o Concello de Riveira e está a recibir unha gran aceptación a tenor do número de inscritos que leva a proba: máis de 250 nestes momentos e o prazo de inscrición aínda está aberto ata mañá xoves ás 14 horas (as anotacións pódense formalizar na páxina web www.emesports.es).

A carreira absoluta constará dun itinerario de 12 quilómetros de lonxitude que descorrerá pola ruta de sendeirismo circular inaugurada este inverno nesta parroquia, que visita lugares tan atractivos como o casco histórico do pobo, o parque dunar, Espiñeirido, O Corgo, Balieiros ou o entorno do faro de Corrubedo.

A saída das categorías adscritas a este trazado terá lugar ás 10 horas dende a zona portuaria.

Haberá en total 14 categorías, tanto masculinas como femininas: pitufos (nacidos a partir do ano 2009), prebenxamíns (nos anos 2008-2007), benxamíns (2006-2005), alevíns (nacidos nos anos 2004-2003), infantís (nacidos nos anos 2002-2001), cadetes (acidos nos anos 2000-1999), xuvenís (nacidos nos anos 1998-1997), absoluta-élite (de 18 a 34 anos), veteranos A (masculino de 35 a 39 anos, feminino: de 35 a 44 anos), veteranos B (masculino de 40 a 44 anos, feminino de 45 a 50 anos), veteranos C (masculino de 45 a 50 anos, feminino de 50 a 55 anos), veteranos D (masculino de 51 a 55 anos, feminino de 56 anos en diante), veteranos E (de 56 a 60 anos) e veteranos F (de 61 anos en diante).

As inscricións en categorías inferiores terán lugar o día da propia proba e sairán a continuación das modalidades absolutas (infantil/cadetes ás 12 horas, alevíns ás 12.20 horas, prebenxamíns ás 12.45 horas e pitufos ás 13 horas)..

Haberá trofeos para os primeiros de todas as categorías absolutas e medallas para as categorías inferiores.

13 de agosto de 2014 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.