Máis de 200 nadadores mediranse en Riveira na XXI Travesía Praia de Coroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaRiveira
A-
A+

Máis de 200 deportistas van competir este sábado na XXI Travesía a Nado Praia de Coroso. Así o dou a coñecer o presidente do Club Natación Riveira, José Antonio Prado, durante unha presentación do evento no que estivo acompañado do concelleiro municipal de Deportes, Juan Luis Martínez.

A cita dará comezo a partir das 10 horas en augas do citado areal urbano, en Riveira. Primeiro competirán os nadadores das categorías participantes na proba de longa distancia, de 2.500 metros de lonxitude, é dicir, os de modalidades federadas, diferenciadas entre nados en 1992 e anos posteriores e os nados en 1993 e anteriores. Esta proba será puntuable para o XI Circuíto Galego de Augas Abertas.

A continuación terá lugar unha proba de curta distancia (1.250 metros, a metade que a anterior) con catro categorías: nados entre 2000 e 1996, entre 1995 e 1970 e antes de 1970.

Jose Antonio Prada salientou que esta travesía é a única competición das súas características que reparte premios en metálico en todas as súas categorías. Pola súa banda, Juan Luis Martínez manifestou que é unha das competicións deportivas decanas do municipio xunto coa Andaina Popular.

Favoritos

Como favoritos, no que se refire á competición masculina citouse a Carlos Brión (gañador do circuíto galego o ano pasado), ao seu irmán Iván Brión (que regresa tras recuperarse dun sinistro automobilístico) e a Manuel Davila -os tres do Club Natación Riveira-, ademais de Cristian Fernández Niego do Club Natación Galaico de Pontevedra.

No apartado feminino, nomeuse a Laura Pimentel, do Club Natación Pabellón Ourense (a campioa do circuíto do ano pasado) e Irene González do Club Natación Coruña. Faltará a que en opinión dos comparecentes na rolda de prensa de hoxe sería indiscutible favorita: a nadadora local María Vilas, que está concentrada coa selección nacional absoluta no CAR de San Cugat para preparar o XXXII Campionato de Europa de Natación que se disputará en Berlín do 18 ao 24 de agosto.

Polo demais, acudirán nadadores de Madrid, das autonomías próximas a Galicia e de Portugal, ademais dalgún outro estranxeiro.

7 de agosto de 2014 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.