Licitado o novo contrato do alumeado público exterior do municipio de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira informa de que dende a pasada semana está aberta a licitación e período de presentación de ofertas para o novo contrato mixto de subministro e servizos para a prestación do servizo integral de iluminación exterior do municipio.

As Empresas de Servizos Enerxéticos (ESE) interesadas teñen un prazo de dous meses para formular as súas propostas, que deberán ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello (ou tamén por correo de acordo co artigo 80 do Regulamento Xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas). O procedemento de adxudicación será aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación e tramitación ordinaria.

Con este modelo de contratación, o Concello pretende adecuar o alumeado exterior municipal ás novas esixencias derivadas da necesidade de avogar por unha maior eficiencia enerxética ao tempo que se logre un aforro nas arcas municipais (os estudos apuntan a un aforro anual de 693.000 euros).

Inventariado

Como paso previo a esta licitación, realizouse un inventariado que, entre outros datos, arroxou a existencia de 8.381 puntos de luz repartidos no municipio e 122 cadros de protección de competencia municipal. A idea deste inventariado era obter un coñecemento exhaustivo das instalacións de alumeado exterior co fin de proceder á renovación integral das lámpadas de vapor de sodio por outras de tecnoloxía LED de baixo consumo: un labor que deberá ser realizado pola ESE adxudicataria e financiado cos aforros económicos conseguidos durante o período de vixencia do contrato.

Agora, o obxecto do Contrato a adxudicar é a execución da prestación de servizos enerxéticos mediante unha actuación integrada, consistente na cesión do uso e explotación das instalacións de alumeado público exterior a unha ESE, que deberá cubrir as seguintes prestacións:

– Xestión enerxética (execución das técnicas de xestión enerxética e explotación para o correcto funcionamento das instalacións)
– Mantemento (incluída a limpeza periódica dos compoñentes da rede)
– Garantía total (reparación con substitución de todos os elementos deteriorados)
– Obras de mellora e renovación das instalacións.

A duración do contrato contempla dúas fases: unha primeira de non máis de 6 meses na que, basicamente, se acometerán as obras de mellora e renovación de instalacións de alumeado (nesta fase a facturación eléctrica seguirá recaendo no Concello) e unha segunda de 12 anos de duración na que a ESE adxudicataria na que entrará en vigor a totalidade das prestacións antes citadas.

O orzamento máximo do contrato ascenderá a un máximo de 852.816,63 euros anuais, de tal xeito que as ofertas que se presenten non poderán superar este importe.

Outros municipios galegos, como Carballo ou Catoira, estanse a decantar por este innovador modelo de contrato mixto de subministro e servizos á hora de xestionar o seu alumeado exterior.

27 de agosto de 2014 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.