Investígase a orixe dunha vertedura detectada no río Louro ao seu paso polo Porriño
Unha vertedura, cuxo orixe se descoñece até o momento, deixaba na mañá de hoxe ao redor de medio centenar de peixes mortos flotando nas augas do río Louro ao seu paso polo Porriño.
Á primeira hora da mañá a Policía Local do Porriño recibía varios avisos de veciños informando desta situación. Tras unha primeira inspección ocular, os axentes puideron comprobar que a zona afectada abarcaba un tramo, perfectamente delimitado, duns cincuenta metros entre o albergue de peregrinos e a primeira ponte de madeira que atravesa o río. Nas zonas anteriores e posteriores a este tramo podíanse ver peces con normalidade e non se apreciaba, a primeira ollada, contaminación algunha.
Até o lugar desprazouse o alcalde do Porriño, Nelson Santos, e a concelleira de Medio Ambiente María José Martínez, para comprobar de primeira man o estado do río e interesarse pola orixe da vertedura; así como a Policía Autonómica e membros de Seprona que realizarán unha analítica da auga para determinar o contaminante que, a primeira ollada, móstrase como pequenos bancos de espuma de cor branca e zonas cunha fina capa na superficie de cor azul tornasolado, coma se dun produto derivado do petróleo se tratase.
A pesar de que se descoñece polo momento a orixe, os primeiros indicios apuntan a que a vertedura procede do regacho que desemboca neste tramo do río.
O Concello do Porriño púxose en contacto coa empresa Frigolouro por atoparse situada nese lugar. Cabe destacar que neste momento todos os residuos industriais desta planta son vertidos directamente á rede de saneamento da EDAR e que a empresa, a instancias do Concello do Porriño, realizará tamén un estudo da auga para pescudar as posibles causas da contaminación.











