Gran éxito do festival de clausura do verán cultural de Riveira

Foto de grupo no festival de clausura
O festival de clausura dos obradoiros de conciliación do Verán Cultural de Riveira resultou un rotundo éxito, como da testemuña un Auditorio Municipal totalmente repleto, ante a presenza de case 200 nenos e nenas, en moitos casos acompañados polos seus pais.
Tanto os nenos participantes nos talleres Xoga con Nós, como no Verán Rechinán, que se desenvolve en Aguiño, e no Camp of Cultural Summer deron conta do seu talento escénico a base de cancións e números de baile, interpretados por grupos con nomes tan suxestivos como Pedra da Ra ou Praia de Coroso.
Teatro
O espectáculo concluíu cunha fermosa representación teatral na que, con certas reminiscencias á aldea de Astérix e Obélix, os pequenos actores recreaban unha lexendaria pugna entre a aldea de Valverde e o Castro Cidá, da que derivou a aparición das dunas de Corrubedo e a lagoa de Carregal como froito da maldición dun rei irritado.
Acto seguido tivo lugar a entrega de diplomas a todos os asistentes por parte da concelleira de Cultura, Elvira Pisos.











