Conclúen os obradoiros do verán cultural de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Os obradoiros de conciliación do programa Verán Cultural están chegando ao seu fin e, con tal motivo, hai programados de aquí ata o remate do mes un conxunto de interesantes propostas.

Así, mañá mércores, a partir das 11 horas, o Auditorio Municipal de Riveira dará cabida a un Festival de Clausura con participación de case 200 nenos e nenas asistentes aos talleres Xoga con Nós, Verán Rechinán e Camp of Cultural Summer (aprendizaxe de inglés).

Este acontecemento incluirá a posta en escea dunha pequena obra teatral, a proxección dun lipdub (vídeo musical onde as persoas sincronizan os seus beizos, xestos e movementos a unha canción popular) e a interpretación de varias cancións.

Unha hora despois (ás 12.30 horas) terá lugar a entrega de diplomas aos rapaces, con participación da concelleira de Cultura Elvira Pisos.

Pero as actividades de peche non se acaban aí. O xoves de 11 a 13 horas, as instalacións do CEIP O Grupo darán cabida a unha xornada de xogos populares nos que os pequenos asistentes ao Verán Cultural e ao Camp of Cultural Summer se divertirán ademais con xoguetes compostos por eles mesmos a partir de materiais de refugallo e todo isto culminará cunha gran merendola.

Teatro

O venres a partir das 11 horas, o Auditorio será escenario dunha representación a cargo de Artello Teatro: “Cinderella Mix”, desenvolvida coa colaboración de Agadic. Se ben esta actuación contará coa asistencia de alumnos do Verán Cultural, está aberta ao público, de tal xeitos que todos os interesados poden acudir de xeito libre e gratuíto.

Festa da escuma

E tamén será libre e gratuíta a Macrofesta Infantil da Populachada que terá lugar o sábado na Praza de España, en horario de 12 a 14 e de 17 a 20 horas. Haberá inchables adaptados a distintas franxas de idade, música e, para culminar a xornada, unha festa da escuma. A acción tamén se inclúe na programación do Verán Cultural.

26 de agosto de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.