Comezan en Riveira os traballos para a construción dun novo paseo litoral entre Area Secada e A Ameixida
O Concello de Riveira informa do inicio dunha nova actuación consistente na construción dunha senda mariñeira entre o lugar de Area Secada e o porto da Ameixida: unha das actuacións incluídas dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.
Operarios da empresa adxudicataria Nemesio Ordóñez S.A. deron comezo estes días aos traballos correspondentes. O orzamento da obra ascende a 331.780,02 euros e o prazo de execución é de 120 días.
Con esta son cinco xa as iniciativas emprendidas polo Executivo nesta lexislatura para recuperar e poñer en valor o litoral riveirense. Así, hai que recordar que con anterioridade xa se acometeron a ampliación e remodelación do paseo de Coroso, o paseo marítimo do Touro, a rede de pasarelas da Catía en virtude do cal é posible transitar dende a praia do Castro ata o Carreiro; e a unión dos areais de Coroso e Río Azor mediante unha senda peonil que se está terminando.
Agora, este novo proxecto terá unha lonxitude de 560 metros liñais e constituirá un elemento integrador do medio costeiro-litoral no medio terrestre a través da recuperación para uso público desta franxa, cuxa abrupta orografía dificultan a accesibilidade nalgúns puntos.
O itinerario descorrerá case na súa totalidade pola zona de servidume de tránsito. Para a súa realización empregaranse distintos materiais acordes co entorno no obxecto de causar o menor impacto visual. Fundamentalmente madeira, e tamén zahorra artificial e pavimento térreo tipo Aripaq . Así mesmo, será necesario levantar diversos muros de contención nalgúns tramos.
O proxecto completarase con paneis interpretativos con información medioambiental, bancos de madeira, papeleiras abatibles de aceiro inoxidable e alcorques de fundición.











