Augas do Louro pon en servizo novas instalacións de abastecemento e saneamento en Mos e O Porriño
O Consorcio de Augas do Louro informa da finalización dos traballos de inspección e posta en funcionamento de varias instalacións de abastecemento e saneamento nos Concellos de Mos e O Porriño.
No Concello de Mos, o Consorcio está a rematar a revisión e posta en servizo do depósito de O Castro (Guizán), de 3.000 m3 de capacidade e que da servizo á rede de abastecemento que percorre os núcleos de Arrufana, O Enxertado, Cortiñas e Eiragrande na parroquia de Louredo e os núcleos de A Rúa, A Zapateira, Cabaleiros e Sobrado na parroquia de Santa Eulalia de Mos. Estas instalacións darán servizo a más de 650 veciños, que xa poden solicitar a execución da acometida á rede dende hoxe nas oficinas do Consorcio.
Neste mesmo Concello, o Consorcio rematou a inspección e posta en funcionamento do bombeo de augas residuais que permite poñer en servizo o colector que percorre paralelamente á autovía A-55 en Rexenxo. Deste xeito, máis de 15 vivendas contarán co servizo de sumidoiros.
No Concello de O Porriño, o Consorcio rematou tamén a posta en funcionamento da fosa séptica de A Ínsua, na parroquia de Santa Eulalia de Atios, que dará servizo a máis de 15 vivendas dese núcleo.
O Consorcio de Augas do Louro informa ademais das importantes melloras que está a levar a cabo na estación potabilizadora de auga de Tui, que consisten na limpeza e desinfección de depósitos, substitución do material filtrante, renovación dos equipos de dosificación de reactivos, renovación do sistema neumático e ampliación e modernización do programa de telesupervisión e telecontrol, entre outras actuacións.
No Concello de Salceda, o Consorcio realizará nos vindeiros días melloras na rede de abastecemento para dotar de máis presión ás zonas altas do núcleo e evitar a acumulación de aire cando se producen averías na rede.











