Ana Pastor presidirá a entrega dos V Premios Atlante no Museo do Gravado de Artes de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A Ministra de Fomento do Goberno Estatal, Ana Pastor Julián, presidirá este mércores a entrega de premios da V edición dos Premios Internacionais Atlante, que se desenvolverán nas instalacións do Museo do Gravado de Artes.

O acto dará comezo ás 19 horas e como é habitual contará tamén coa participación de distintos persoeiros e autoridades da comarca de Barbanza e da propia Fundación Museo de Artes, caso do seu presidente –o alcalde riveirense Manuel Ruiz- e o seu vicepresidente –Javier Expósito.

Cómpre lembrar que case 230 obras de 15 países concorreron a este prestixioso concurso, un dos máis importantes que existen en España na especialidade do gravado. Entre os gañadores, figuran o cordobés Ismael Mansilla Orgambídez, o madrileño Juan Lara Hierro, a viguesa Yolanda Carbajales e o polaco Tomasz Winiarski (este último, no Premio Ramiro Carregal Rey). Ademais, o Premio de Gravado Barbanza – Ría de Arousa, dirixido a fomentar a arte no ámbito comarcal, será entregado á noiesa Rosana Calvo Agraso.

O xurado que emitiu o fallo no pasado mes de marzo estivo formado por Isabel Pintado, Carmen Hermo, Algonso Costa, Manuel Ayaso, Juan Monterroso, José Manuel López e Daniel Buján.

11 de agosto de 2014 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.