A Feira Internacional de Galicia acolleu un completo curso práctico sobre ecoagricultura

Prácticas do curso de Ecoagricultura en Silleda
O recinto Feira Internacional de Galicia acolleu un curso centrado na ecoagricultura, un tipo de agricultura que engade tres aspectos á cualificada como ecolóxica: a venda de polo menos un 80% da produción nos mercados locais, o emprego maioritario de sementes e árbores autóctonas e a aposta social de que os agricultores vivan dignamente do seu traballo.
Organizado pola Fundación Galicia Verde, forma aos participantes esencialmente en aspectos prácticos, aínda que tamén teóricos, para acadar un nivel medio no desenvolvemento da ecoagricultura.
Para elo centrouse en 9 aspectos, como son o estudo da terra, coñecendo como se formou e a súa evolución; elaboración de compost, análise da terra, para mellorar a fertilidade do terreo; planificación e preparación da horta, incluíndo diferentes instalacións (bancal normal ou en colina, horta en espiral, etc), e asociacións e rotacións, necesarias para optimizar a utilización do terreo. Tamén debullará sementeiros e transplantes, sistemas de rega, coñecendo os mellores para aportar auga e nutrientes; loita biolóxica e fertilización.
Esta materia estivo impartida polos docentes Enrique Banet, farmacéutico que foi director e presentado do programa da TVG Senda Verde durante 10 anos e que agora preside a Fundación Galicia Verde; e Cristina Barreiro, bióloga especializada en plantas e análise de terras.
O curso, tivo unha duración de 16 horas, onde se alternou a teórica coa práctica, a cal se traduce na creación dunha horta.











