publicidade hoxe

Un novo servizo de guías medioambientais inicia a súa actividade na praia das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoRibadeo
A-
A+

A Xunta de Galicia puxo en marcha no día de hoxe un novo servizo de guías ambientais dentro do plan de actuación para a conservación da praia de As Catedrais.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, indicou que dende as dez desta mañá están traballando na zona “os traballadores deste novo servizo, que se encargaran de atender na zona, dando información sobre o enclave e divulgando os valores medioambientais deste entorno”.

En turnos rotatorios, sempre estarán dispoñibles tres traballadores, que se encargarán das devanditas labores divulgativas e de conservación. Os técnicos traballarán durante a presente campaña de verán tódolos días, de luns a domingo, nun horario de 10.00 a 20.00 horas, segundo indicou a delegada territorial.

Entres as funcións básicas dos guías están: información de zonas de interese para os visitantes así como puntos que entrañen problemas para as persoas e dificultades pola degradación do ecosistema, explicación sobre os compoñentes xeolóxicos que conforman a praia e desenvolvemento de actuacións divulgativas no ámbito da educación ambiental con relación a este entorno. Así mesmo, os profesionais informarán sobre as mareas, cuestión particular nesta praia ao cubrir toda a area.

Arias explicou que “estas actuacións témolas que entender a medio prazo, xa que é preciso crear un plan de conservación que resolva as circunstancias especiais desta praia que se veñen repetindo nos últimos anos”.

Estas actuacións súmanse ao proxecto de reforzo dos paneis de advertencia, información e promoción, non só do monumento natural, senón de todos os valores desta costa. As xuntanzas técnicas para o desenvolvemento do plan de actuación da praia das Catedrais continuarán nos vindeiros días, coincidindo xa co inicio da instalación dos paneis, ao tempo que avanza a redacción do plan de conservación.

A Xunta leva a cabo unha actuación para a ordenación do uso público no monumento natural, que sexa compatible coa conservación dos seus valores ambientais e o aproveitamento sustentable do recurso turístico.

Tal e como recoñeceu a delegada, este plan ten dúas fases: a inmediata, na que se encadra a posta en marcha do servizo de guías, e outra a medio prazo, que consiste na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais. A este respecto, Arias concluíu que “esperamos ter un documento listo para a exposición pública este mesmo verán”. No seu conxunto, estas dúas medidas implican un investimento de 160.000 euros, que serán aportados polo Goberno galego.

24 de xullo de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.