publicidade hoxe

Tres minutos de silencio en Pazos de Borbén pola morte dunha veciña vítima de violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPazos de Borbén
A-
A+
Europa Press
Tres minutos de silencio en Pazos de Borbén

Tres minutos de silencio en Pazos de Borbén

Decenas de veciños da localidade pontevedresa de Pazos de Borbén (Pontevedra) gardaron tres minutos de silencio este xoves para condenar o último acto de violencia machista, polo que un veciño do municipio de 79 anos rematou este martes coa vida da súa parella, de 81 anos, e despois se suicidou.

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, pediu que “non “volva pasar” un acto como este e animou a toda a cidadanía a que informe as autoridades cando detecten que poden estar a acontecer situacións de maltrato. “Se sabemos algo hai que dicilo, porque van cinco vítimas por violencia machista en Galicia e 32 en España” no que vai de ano, subliñou.

Neste sentido, recordou que as vítimas teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 016, que garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica.

No acto tamén estivo presente o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello Bufill, que trasladou á familia, especialmente aos fillos da vítima, as súas “condolencias e o máis profundo pésame nestes momentos”.

En declaracións, Coello Bufill manifestou o seu “rotunda e contundente repulsa e reprobación deste tipo de feitos” e chamou a toda a sociedade para, “entre todos, loitar por erradicar este tipo de condutas que perturban a convivencia democrática”.

Os corpos atópanse no tanatorio na estrada de Redondela-Os Valos e o enterro terá lugar ás 18,30 horas desta tarde na parroquia de Nespereira, onde habitaba o matrimonio.

ANTECEDENTES

O corpo da muller foi atopado este martes nun piar de lavar próximo á residencia familiar, e o seu marido apareceu aforcado nun alpendre anexo á vivenda. Dende o primeiro momento sospeitouse que podía tratarse dun caso de violencia machista, aínda que non constaban antecedentes nin denuncias por malos tratos entre a parella.

O Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad confirmou este mércores que se trata dun novo caso de violencia de xénero, e explicou que o home a matou e posteriormente se suicidou. Os veciños indicaron que o matrimonio tiña 11 fillos e se dedicaba a traballar a terra.

31 de xullo de 2014 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.