Silleda recibirá un investimento de 50.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, de visita no Concello de Silleda

O delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, de visita no Concello de Silleda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Silleda para analizar as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizarán grazas a nova liña de axudas que acaba de facer pública a Consellería de Economía e Industria.

Na visita o delegado territorial aproveitou para acercarse ata o lugar de Reguenga-Cervaña onde se vai a levar a cabo o cambio de luminarias, acompañado do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, así como do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

José Manuel Cores Tourís destacou os 50.000 euros de investimento que se desenvolverán neste concello en obras de mellora enerxética e dos que case 42.000 euros corresponderán á subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

En concreto, executaranse melloras en 7 instalacións e 149 puntos de luz, “o que permitirá aforrar 8,28 toneladas de CO2 ao ano”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 12.736 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de 14.385 euros en 12 meses.

No concello de Silleda, cambiaranse 20 puntos de luz na zona da Igrexa-Escuadro cambiando as lámpadas de vapor de mercurio por haloxenuros metálicos e contará cun sistema de acendido por reloxo astronómico. A instalación disporá dun sistema de aforro que reducirá o consumo e o fluxo luminoso nun 53% durante dez horas ao día. “Ademais, deste xeito, recuperaremos os puntos de luz que na actualidade se atopan apagados”, explicou o rexedor do municipio.

En Sestelo-Escuadro sustituiranse 17 puntos de luz que contan actualmente con lámpadas de vapor de mercurio por outras de sodio de alta presión, o que permitirá un aforro similar ao de Igrexa. Na zona de Reguenga-Cervaña, os puntos de luz que serán substituídos por lámpadas de sodio de alta presión serán 37; e en Camporrapado-Cortegada, tamén se utilizará o mesmo tipo de lámpadas para 25 puntos de luz.

Finalmente, tamén se cambiarán 20 puntos de luz en Parque-Bandeira e outros 32 na praza do Antroido.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”, explicou Cores Tourís. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 70% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

Mellora competitiva da industria

O delegado territorial aproveitou a visita a Silleda para recordar que neste marco de aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, acaba de publicarse no DOG a convocatoria dirixida á industria, en concreto a empresas e autónomos, e que prevé a mobilización de investimentos de 6 millóns.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 6 de agosto. “Con este programa perseguimos reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente”, matizou José Manuel Cores Tourís, recordando que a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores, coa posta en marcha das medidas impulsadas, chega ata o 15% no sector industrial, e ao 30% no sector servizos.

10 de xullo de 2014 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.