Riveira será sede do Campionato Provincial de Caza San Huberto
O municipio de Riveira será sede esta fin de semana dunha dobre cita de grande interese para os afeccionados á cinexética. De unha parte, a celebración mañá do Campionato Provincial de Caza San Huberto e, o domingo, á primeira edición do certame Caza Práctica “Cidade de Riveira”.
Para falar de ambos eventos déronse cita no Consistorio Local o concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez; o concelleiro Víctor Reiriz; e Eloy Rodríguez, representante da Federación Galega de Caza na Coruña e socio colaborador da Sociedade de Caza e Pesca Barbanza.
O campionato provincial contará coa participación de 25 cazadores, entre eles dúas damas. Está organizado pola Federación Galega de Caza e Pesca coa colaboración da Sociedade de Caza e Pesca Barbanza e resulta clasificatorio para o campionato galego.
Chans de Folgoso
A cita desenvolverase no Tecor-10.063 “Barbanza”, na zona coñecida como Chans do Folgoso, na Curota, nunha superficie aproximada de cinco hectáreas. Á concentración dos participantes está programada para as 9 horas, estando previsto o inicio da proba unha hora máis tarde.
Entre os competidores comparecerán os gañadores masculino e feminina do campionato provincial do ano pasado en Cee: o riveirense Antonio Olveira “Correa” e a ferrolá Nicolasa González.
Cabe salientar que nesta modalidade de caza San Huberto, á hora de puntuar prevalece o comportamento conxunto de cazador e can. Cada participantes terá 15 minutos e só 4 disparos para abatir 2 das 3 perdices existentes na zona de competición, puntuándose tanto a pericia do tirador como o comportamento do can.
En canto á Primeira Caza Práctica Cidade de Riveira, está organizada pola Sociedade de Caza e Pesca do Barbanza coa colaboración de Carlos Lalín e o citado Antonio Olveira.
Disputarase tanto nos Chans do Folgoso como nun campo de adestramento situado en Teira (Corrubedo). Ao igual que o certame da véspera, tamén dará comezo ás 10 da mañá, previa concentración unha hora antes dos concursantes cos seus cans: 36 en total, 31 de razas británicas e 5 continentais.
Nesta modalidade os grandes protagonistas son estes animais, que deberán demostrar o nivel da aprendizaxe recibida medíndose de dous en dous en tempos de doce minutos. Nesta modalidade non se abate ningunha presa e as balas son de fogueo.
Por último, cómpre informar de que o xa tradicional Campionato de Caza San Huberto “Cidade de Riveira” celebrará a súa sexta edición o vindeiro 24 de agosto.











