Preto de 2000 veciños do Porriño pagarán un 25 % menos no próximo recibo da auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Comité Directivo do Consorcio de Augas do Louro, aprobaba, o pasado martes, o padrón correspondente ao segundo bimestre (Marzo-Abril) no que xa se contempla unha importante redución. Deste xeito, todos aqueles veciños que soliciten a instalación/verificación do contador até o mes de abril, verán reducido nun 25% o importe no recibo correspondente ao segundo bimestre do 2014, que inclúe os servizos de abastecemento, saneamento, depuración e canon da auga. Así, desde o momento en que se tramite a solicitude de instalación/verificación do contador, aínda que este non sexa instalado/verificado, aplicarase esta dedución proporcional no recibo do bimestre correspondente.

Tras a entrada en vigor da nova ordenanza reguladora das taxas,   e mentres non existise unha primeira lectura do contador, a liquidación das taxas por abastecemento, saneamento e depuración viña realizado en base a un consumo estimado de 28 metros cúbicos bimensuales nunha vivenda de 3 membros, cun custo de 43,34 euros.

En adiante, os veciños que tramiten a solicitude de instalación/verificación do contador, e mentres non exista lectura previa, verán reducido, proporcionalmente, o importe do recibo correspondente ao bimestre en que presenten dita solicitude en 10,59 euros, pasando a abonar unha cantidade de 32, 75 euros.

A ordenanza vixente contemplaba inicialmente un prazo de seis meses para tramitar a solicitude de instalación/verificación de contador. Tendo en conta que no concello do Porriño a práctica totalidade dos abonados domésticos non dispuñan de contador a principios deste ano, o Comité Directivo do Consorcio aprobou por unanimidade ampliar este prazo até un ano, de tal maneira que se dispoña até o 31 de decembro de 2014 para realizar a solicitude. Até o momento no municipio, tramitaron xa a solicitude de instalación/verificación do contador 1896 usuarios domésticos, o que supón un 36% do total.

Desde o Concello de Porriño animan aos veciños a presentar canto antes a solicitude de instalación/verificación, xa que no método de liquidación de consumos en base á nova ordenanza elimínanse os consumos mínimos contemplados anteriormente nas ordenanzas fiscais e agora pagarase en función do realmente consumido e rexistrado por contador, realizando así un pago máis xusto e real.

28 de xullo de 2014 | 11:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.