Pazos de Borbén súmase ao premio literario Blanco Amor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Concello de Pazos de Borbén sumouse a colaborar no relanzamento do premio literario Blanco Amor. Un galardón que, ante o risco de desaparición por falta de apoio, o Concello de Redondela, o creador orixinal do certame, ofreceuse a organizar este ano, no que celebra o seu XXXIII edición, a primeira coa colaboración do Concello de Pazos de Borbén.

Escritores como Daniel Cortezón, Víctor Freixanes, Ursula Heinze, Suso de Toro, Francisco Castro, Xosé Carlos Caneiro ou Alfredo Conde figuran na nómina de gañadores deste galardón creado en homenaxe a Eduardo Blanco Amor. Un premio dotado con 12.000 euros para o autor da mellor novela longa escrita en galego e que é publicado cada ano pola editorial Galaxia.

Durante o anuncio, a concelleira de educación, Montserrat Fragueiro, expresou a súa satisfacción por colaborar nesta iniciativa para tentar salvar un certame “que aposta pola nosa cultura e os nosos escritores. Quen sabe, quizá até o podamos organizar nós algún ano”, expresou a edil.

Coa excepción de 1995, no que o Concello da Coruña rexeitou organizalo, o certame celébrase ininterrompidamente desde 1981 rotando entre os diferentes municipios de Galicia que o convocan.O importe do premio é achegado polos distintos Concellos e organismos que o convocan coa axuda da Xunta de Galicia. O xurado poderá declarar o premio como deserto siconsidera que ningunha das obras presentadas ten a suficiente calidade para ser premiada. Neste caso o importe do premio destinarase a divulgar a obra de Eduardo Branco Amor entre os colexios e centros culturais de Galicia.

23 de xullo de 2014 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.