Os artistas de Arousa Norte terán ata decembro para facer propostas do monumento ao percebe en Aguiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A celebración esta fin de semana da XVIII Festa do Percebe de Aguiño marcará o inicio do prazo para a presentación de propostas cara a erixir o ano que vén nesta localidade un monumento dedicado ao percebe e aos percebeiros: prazo que estará aberto ata o vindeiro 1 de decembro.

Segundo as bases do concurso, poderán participar os profesionais, artistas ou entidades nados, residentes ou con sede administrativa nos municipios pertencentes a Arousa Norte (Riveira, A Pobra, Boiro e Rianxo). A participación poderá realizarse de forma individual ou colectiva.

Cada persoa ou equipo poderá presentar como máximo unha proposta ao concurso. Os traballos presentados deberán estar libres de dereitos que podan detentar terceiros.

Lugar destacado

A obra gañadora emprazarase nun lugar destacado da zona portuaria de Aguiño, previsiblemente nunha futura rotonda que se pretende crear no tramo que dá acceso á lonxa da localidade. Preténdese que a escultura se converta nun elemento activo dentro da vida cidadá e elemento simbólico de visita a esta terra.

Os proxectos que se presenten deberán ser orixinais e inéditos, non seleccionados nin premiados en ningún outro certame ou concurso, e non poderán ser reproducións totais ou parciais doutras obras realizada ou en execución.

Á hora de valorar a temática, terán especial significación aquelas propostas que mostren a importancia ecomómica, social, histórica e turística que teñen tanto o crustáceo como a propia figura do percebeiro. O monumento terá un tamaño non inferior a dous metros de altura po 0,70 metros de fronte ou 1,60 metros de circunferencia, sen ter en conta a base ou peana.

Para dirimir o fallo haberá un xurado composto de sete membros, dos cales tres serán representantes de recoñecido prestixio no ámbito das belas artes; un será representante das salas museos do municipio; e outro da confraría de Aguiño; ademais da concelleira de Cultura e o alcalde de Riveira, actuando este último como presidente. O xurado emitirá os seus acordos por maioría simple.

Criterios

A efectos de avaliar os proxectos artísticos teranse en conta os seguintes criterios: calidade técnica da obra (25 puntos), orixinalidade do deseño (25 puntos), referencias á festa (25 puntos), adaptación á contorna urbana (15 puntos), experiencias e traballos anteriores (10 puntos).

O xurado proporá un proxecto gañador ou declaralo deserto no caso de que os solicitantes non cheguen a un mínimo de 50 puntos.

O proxecto seleccionado como gañador obterá como premio a contratación da obra, asumindo esta Corporación un importe de ata un máximo de 18.150 euros (15.000 euros máis IVE), abarcando tal cantidade os conceptos de idea, maqueta, desenvolvemento do proxecto, execución a escala, dereitos de propiedade, realización da obra definitiva e transporte. A dotación económica será abonada á finalización do proxecto, tendo que ser executado en todo caso antes da última fin de semana do mes de xuño.

Redeiras e atadoras

Por último, cómpre lembrar que este sábado ás 21 horas inaugurarase na zona portuaria de Aguiño un primeiro monumento dedicado ás redeiras e atadoras que contribuíron ao desenvolvemento pesqueiro do municipio.

22 de xullo de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.