O pleno ordinario de Riveira abordará a licitación do novo contrato do alumeado exterior do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Un dos puntos que integrarán a orde do día do vindeiro pleno ordinario da Corporación de Riveira, previsto para o vindeiro día 28, será a apertura do expediente para sacar a licitación a contratación dun contrato mixto de subministro e servizo para a prestación do servizo integral de iluminación exterior do municipio de Riveira. Está previsto que nos primeiros días de agosto se anuncie nos boletíns oficiais os prazos a ter en conta para que as Empresas de Servizos Enerxéticos (ESE) que estean interesadas poidan presentar as súas ofertas.

Seguindo as recomendacións do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), o Concello de Riveira entendeu axeitado optar por un modelo de contratación que adecúe o alumeado exterior municipal ás novas esixencias derivadas da necesidade de avogar por unha maior eficiencia enerxética.

Auditoría

Con tal motivo, realizouse unha auditoría enerxética co fin de coñecer as posibilidades técnicas e económicas que concorren para a adecuación do alumeado exterior, e o resultado permitiu non só determinar o modo de explotación, funcionamento, estado dos compoñentes e prestacións das instalacións de alumeado, senón tamén a valoración das actuacións necesarias para a desexada redución do consumo eléctrico.

Agora, o obxecto do Contrato a adxudicar é a execución da prestación de servizos enerxéticos mediante unha actuación e integrada, consistente na cesión do uso e explotación das instalacións de alumeado público exterior a unha ESE, que deberá cubrir as seguintes prestacións:

– Xestión enerxética (execución das técnicas de xestión enerxética e explotación para o correcto funcionamento das instalacións)
– Mantemento (incluída a limpeza periódica dos compoñentes da rede)
– Garantía total (reparación con substitución de todos os elementos deteriorados)
– Obras de mellora e renovación das instalacións.

21 de xullo de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.