O pleno do Porriño aproba un crédito de 72.000 euros para atender obras urxentes
O pleno do Concello de Porriño, presidido polo alcalde Nelson Santos e celebrado na tarde de onte, aprobou un crédito extraordinario para atender á execución dunha relación de obras de carácter urxente. Así, a concelleira de Economía e Facenda, Iria Lorenzo, explicou que “este crédito supón unha modificación no orzamento de gasto mediante o cal se asigna un importe a partidas que non existían como tal para poder realizar unha serie de obras que non poden demorarse ao exercicio seguinte”, necesarios para atender ás demandas urxentes dos veciños.
Os gastos cuxa dotación orzamentaria son obxecto deste expediente son seis e suman un importe total de 72.731,46 euros. En primeiro lugar, atópase a restauración do retablo da capela de San Sebastián, considerado como Patrimonio Histórico Artístico, e que presenta un grave estado de deterioración, cuxo importe ascende a 6.000 euros. Tamén se atenderá ao acondicionamento dos centros culturais e sociais de Cavadas e Alba (5.335,06 euros) e á reparación e reposición de infraestruturas en vías públicas (8.106,17 euros). A cantidade de 35.350,03 euros irá destinada a afrontar a contratación da reparación dos danos ocasionados polas intensas choivas que produciron o esborralle dun tramo do viario A Escusa-Chenlo polo desprazamento dun muro que, á súa vez e segundo consta no informe dos servizos técnicos do Concello, ameaza con provocar a derriba da totalidade da estrada.
Outra das demandas a atender con carácter urxente é a reposición de columnas de iluminación pública, por importe de 16.113,21 euros, derivadas fundamentalmente por accidentes de tráfico e instalación de liña para caudalímetro da iluminación pública. E, por último, outro gasto é a liquidación da obra de reparación na canalización do saneamento en Atios por importe de 1.823,99 euros.
A concelleira subliñou que este crédito extraordinario financiarase con remanente de tesouraría dispoñible para gastos xerais e que desde o punto de vista das normas orzamentarias cumpre co establecido na lexislación vixente.











