O día de San Cristóbal regresará a Riveira para homenaxear aos condutores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Este domingo día 13 de xullo terá unha nova edición do Día de San Cristóbal: unha festividade na honra dos condutores que foi recuperada en 2012 por iniciativa da asociación Alfaia despois de tres décadas de ausencia.

Elvira Pisos como edil de Cultura do Concello e María José Carreira e Puri Cores como integrantes desta entidade foron as encargadas de presentar a celebración, organizada conxuntamente coa colaboración da parroquia de Santa Uxía, e quixeron facer un chamamento á cidadanía para que se sume á mesma.

María José Carreira recordou que o Día de San Cristóbal gozaba de gran predicamento entre os riveirenses: era un acontecemento que se adoitaba desenvolver coincidindo coas festas de verán e en torno a el vivíase unha xornada en familia.

Este ano, a celebración dará comezo ás 10 horas co lanzamento de doce bombas de palenque anunciando a festividade. Paralelamente arrancará unha ruada co grupo de gaitas A Gandaina de Palmeira.

Concentración no Malecón

Ás 12 do mediodía terá lugar unha concentración de vehículos no dique do Malecón que serán bendicidos en acto público. Media hora despois a Igrexa de Santa Uxía dará cabida a unha misa cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil e Industrial de Riveira na honra do santo, con expresa lembranza ás vítimas dos accidentes de tráfico.

A continuación terá lugar a procesión, formada por dúas partes: unha de carácter pedestre, dende o templo ata o Malecón pasando pola rúa Galicia e Rosalía de Castro; e a outra a bordo dos vehículos participantes, que irán ata o parque de García Bayón polo interior da zona portuaria, de aí a Padín, rúa Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, 9 de Agosto, rotonda da Serea, Rosalía de Castro, Galicia e Igrexa.

Alfaia encargarase de engalanar con flores os vehículos de quen se anime a participar. Durante a presentación fíxose fincapé na auxe que está a cobrar a festa dende que se retomou, de tal xeito que o ano pasado foron xa máis de 50 os vehículos concentrados.

Puri Cores agradeceu tanto á Coral do Círculo Mercantil como á Municipal de Riveira que todos os anos se ofrezan a dar maior realce en anos alternos á eucaristía.

11 de xullo de 2014 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.