O Concello de Riveira baralla setembro como data para sacar a concurso as concesións do novo mercado
O Centro Cultural Lustres Rivas deu cabida na tarde de onte á presentación do proxecto do Novo Mercado Municipal de Riveira a un grupo de posibles interesados en ocupar un espazo no inmoble.
Arredor dunha vintena de persoas, entre representantes dos sectores hostaleiro e de venta de produtos de alimentación, compareceron neste encontro, que contou coa intervención do alcalde Manuel Ruiz e do arquitecto Ángel Cid, responsable da empresa encargada de definir o proxecto de reorientación e finalización da infraestrutura que está sendo executada por Acciona e que forma parte do proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.
Para o Executivo Local esta reunión revestía gran importancia á hora de pulsar a opinión dos potenciais sectores interesados á hora acabar de definir o modelo de xestión da instalación, pois dada a súa versatilidade son varias as alternativas. Neste senso, Ruiz Rivas comunicou que o único condicionante existente é a necesidade de que todos operarios do mercado actual vaian ubicados na planta baixa.
A partir de aí, as fórmulas posibles son diversas. Dende optar por un operador único que se encargue da súa xestión integral –o que a día de hoxe non parece a opción preferida -, ata apostar por que diversas concesións vaian ubicadas nunha mesma planta, por establecer unha concesión para toda unha planta, etc…
Custes de aluguer
Manuel Ruiz manifestou que o Concello non pretende gañar cartos coa instalación pero tampouco perdelos, e que, se ben os prezos de aluguer non están definidos, non van supor un obstáculo para aqueles que teñan interese en estar presentes. O que si quixo deixar claro é que os futuros usuarios deben comprometerse á hora de asumir os custes de mantemento do inmoble e tamén os dedicados á súa promoción.
A intención do Concello é que no próximo mes de setembro se poida sacar a concurso as concesións, cuxa período presúmese por unha longa duración, cando menos por un tempo de 25 anos.
O arquitecto Ángel Cid explicou as características do inmoble apoiado por un vídeo e diversas simulacións que foron do interese dos presentes. De feito, a páxina web municipal (www.riveira.es) albergará hoxe un arquivo con estas imaxes para que calquera interesado as poida descargar (nota: prevese colgadas esta mesma mañá, á espera de recibir as máis actualizadas).











