o Centro Cultural Lustres Rivas exhibe as obras escolleitas da X Bienal de Pintura do Eixo Atlántico
O Centro Cultural Lustres Rivas conta dende a noite de onte unha nova exposición, formada polas 28 obras seleccionadas de entre as participantes na X Bienal de Pintura do Eixo Atlántico: unha iniciativa que aglutina artistas de Galicia e o norte de Portugal.
Cómpre destacar que Riveira é o único municipio das provincias atlánticas de Galicia (A Coruña e Pontevedra) na que se terá oportunidade de contemplar a mostra, tal e como explicou onte no acto inaugural o alcalde Manuel Ruiz.
Numerosas persoas achegáronse ata a instalación municipal para presenciar este acto, que tamén contou coa intervención previa da concelleira de Cultura Elvira Pisos. Cada asistente tivo oportunidade de recoller un catálogo da mostra, que recolle todas e cada unha das pinturas elaboradas con diferentes técnicas que se poden contemplar.
Lenzos premiados
Entre elas, a obra galardoada co primeiro premio: un acrílico sobre lenzo titulado “Torso acuático V”, de Raúl Álvarez Jiménez (A Coruña, 1982). Tamén os dous segundos premios, un por Portugal (“Love lives only in my hope”, de Jorge Alexandre Carvalho Marques, nado en Barcelos en 1981) e outro por Galicia (“Hostesses (18th National Congress)”, de Eugenia Cuéllar Barbeito, nada en A Coruña en 1970). E finalmente a distinguida na categoría Novos Talentos Luso-Galaicos: “Textura e movimento”, de Juliana Ribeiro (Valongo, 1989).
Estas catro pezas escolleitas lucían na parte máis destacada da sala de exposicións, xusto detrás do atril dende onde tiveron lugar as intervencións.
Durante a súa, Manuel Ruiz quixo facer fincapé na idoneidade dunha institución como o Eixo Atlántico, presidido dende hai uns meses polo alcalde coruñés Carlos Negreira e que ten como principal obxectivos o establecemento de sinerxías e vínculos de cooperación entre os territorios que conforman Galicia e a zona norte de Portugal.
Expocidades
Neste senso, Ruiz Rivas aludiu a que sen ir máis lonxe a pasada semana tivo lugar outro exemplo de colaboración transfronteiriza promovida polo Eixo Atlántico a través da feira Expocidades en Pontevedra, na que Riveira tivo ocasión de promocionar toda a súa riqueza turística xunto a outras 26 localidades, con gran éxito de público.
As pinturas da Bienal poderán ser visitadas ata o día 29 de xullo, de luns a venres de 10 a 14 horas e luns, mércores e xoves de 17 a 21 horas.











