publicidade hoxe

O acondicionamento e reparación do Coliseo Noela contou cun investimento de máis de 270.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaNoia
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ás obras

Xesús Vázquez na visita ás obras

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as obras de acondicionamento e reparación do Teatro Coliseo Noela, en Noia, nas que o seu departamento inviste máis de 270.000 euros, “asumindo así de forma íntegra as obras de posta en valor deste edificio histórico”. Durante o seu percorrido polas instalacións Vázquez Abad estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

Para a recuperación do teatro realizaranse melloras na cuberta, estucos, falsos teitos e carpintería de madeira. Ademais inclúense obras de acondicionamento esixidas pola entrada en vigor do Código Técnico da Edificación en 2007 e que son de aplicación a edificios de Uso Público tales como, as de instalación dun ascensor e una plataforma de elevación salvaescaleiras para dotar de accesibilidade a todas as dependencias do edificio. Segundo explicou o conselleiro “neste momento estanse rematando os traballos da cuberta metálica e continúan en marcha os labores de restauración de pavimentos, pinturas e carpintería no interior do edificio. O oco do ascensor está tamén preparado, á espera que de se subministren o propio aparato e a plataforma”.

“Grazas ao esforzo económico que está a realizar a Consellería -dixo Vázquez Abad- Noia poderá recuperar unha infraestrutura cultural que data do ano 1920 e que ata este momento sufría un estado de deterioración progresiva”. “Confiamos en que a obra estea rematada a finais deste mesmo ano”, engadiu.

Espazo cultural de referencia

O Teatro Coliseo Noela, inaugurado en 1921, atópase nun contorno urbano, na rúa do Curro, preto da igrexa de San Martiño na vila de Noia. Trátase dunha construción da segunda década do século XX, de estilo modernista. O edificio está formado por dous corpos, con cinco arcos na parte inferior que se corresponden con ocos na parte superior. No centro da fachada sobresaen elementos verticais xeométricos de carácter ornamental. A planta do edificio é rectangular cunha escaleira oval no seu interior.

No seu comezo dedicaba a súa actividade a zarzuelas, teatro, conferencias e concertos ata o ano 1966, cando foi destinado exclusivamente a espectáculos de cine ata 1986. O edificio Teatro Coliseo Noela volveu abrir as súas portas o 23 de xullo de 1999. Cunha capacidade de 342 localidades, na actualidade dedícase a espectáculos de teatro, concertos, cine, congresos, música e danza.

28 de xullo de 2014 | 11:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.