Noia acolle unha mostra arquitectónica enmarcada no Centenario da Peregrinación de San Francisco

Imaxe da exposición
O claustro da casa consistorial de Noia acolle desde hoxe e ata o vindeiro día 30 de xullo unha exposición titulada ‘Arquitectura nos conventos franciscanos en Galicia’. Este proxecto enmárcase no conxunto de actividades desenvolvidas dende a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, para celebrar os oitocentos anos da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
Así, a través de 14 paneis pode estudarse a tradición da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela como o xermolo da eclosión das casas franciscanas galegas, ao abeiro dun monumental conxunto de santuarios, mosteiros, catedrais e cidades históricas. Esta tradición irmanda a sensibilidade de San Francisco cara a todo o creado co espírito fraterno e hospitalario do Camiño de Santiago.
Así, dedde o século XIII, as vilas e cidades galegas, todas integradas na xeografía sagrada dos camiños xacobeos, recibiron ás comunidades franciscanas forxadoras de arquitectura sobria e elegante, diáfana e que harmoniza coa paisaxe cultural de Europa.
A través destes paneis pode afondarse no coñecemento desta realidade. A mostra pode verse polas mañás, de luns a venres de 8.30 a 14.15 horas e os sábados de 10 a 13 horas.
Outros proxectos expositivos do VIII Centenario
On the Road é o proxecto expositivo máis relevante organizado con motivo da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.
O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, ademais de espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago son os escenarios da mostra estrela do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís que se poderá visitar ata o 30 de novembro.
Este gran proxecto expositivo aglutina as creación dalgúns dos artistas contemporáneos máis influentes do momento no panorama nacional e internacional e que xira arredor da idea do Camiño de Santiago percorrido polo Santo de Asís e do concepto de camiñar.
O VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago
O VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago é un acontecemento que conta coa declaración de Especial Interese Público e celébrase en Galicia dende mediados de 2013 ata mediados de 2015. Algúns dos eventos máis destacados enmarcados nesta conmemoración, ademais da mostra ‘On the Road’ son a Primeira Travesía Náutica Xacobea, a exposición ‘Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago’ que pode verse tamén este verán no compostelán Colexio de Fonseca ou o I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo e mais o I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño, que se celebrarán en Santiago en setembro de 2014 e maio de 2015, respectivamente.











