Máis de 27.000 veciños beneficiaranse da mellora no acceso dende a autovía do Barbanza á zona portuaria de Riveira e Palmeira
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo hoxe en servizo unha nova glorieta na intersección na que conflúen o ramal de enlace da Autovía do Barbanza (AG-11) cara o Porto de Riveira e Palmeira, e a estrada AC-305 Padrón- Riveira.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiron hoxe á posta en servizo desta infraestrutura de ordenación do tráfico que beneficiará a 27.700 habitantes do Concello de Riveira, e, sobre todo, ao tráfico pesado que accede á zona portuaria.
Trátase dunha glorieta ubicada no punto quilométrico 38+060 da estrada Padrón- Riveira (AC-305), coa que se pretende mellorar o acceso dende Riveira co ramal provinte da autovía do Barbanza. A glorieta conseguirá unha maior fluidez do tráfico nese punto.
Ademais a glorieta, que se sitúa no punto de inicio da travesía de Riveira, conseguirá moderar a velocidade do tráfico que circula pola estrada AC-305 nas aproximacións ao núcleo urbano.
A Consellería de Medio Ambiente destinou a este proxecto de mellora da seguridade viaria un orzamento de máis de 180.000 euros, que foron achegados polo Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).
A zona na que hoxe entrou en funcionamento a nova glorieta rexistra unha Intensidade Media Diaria (IMD) que se aproxima aos 9.000 vehículos, polo que esta actuación facilitará a mobilidade dos usuarios da estrada.
Para a execución desta obra foi necesario realizar escavacións, demolicións e estendido de mestura betuminosa en quente. Posteriormente colocáronse formigón e lousa antideslizante e repuxéronse os servizos de iluminación e sinalización horizontal e vertical.
Estas actuacións están enmarcadas na prioridade que ten o Goberno galego na garantía de seguridade viaria. A nova rotonda evitará a perigosidade da intersección existente, e proporcionará unhas mellores condicións de condución aos usuarios desta infraestrutura viaria. Cómpre precisar que no que vai de lexislatura rematáronse 14 actuacións de mellora da seguridade viaria que superaron os 21 millóns de euros, entre elas as de treitos con elevados índices de sinistralidade en Coristanco, Porto do Son ou no itinerario Vigo-Baiona.











