Lucía Samoelle afronta a final dun concurso musical
Veciña da parroquia porriñesa de Chenlo, Lucía Samoelle Barreiro é unha das tres finalistas do concurso “Vox Kids” organizado por un karaoke de Ponteareas, baixo o mesmo formato que o programa televisivo “La Voz Kids”. Esta moza de 14 anos chegou á final tras superar diferentes fases e iniciándose o certame con 45 participantes. Agora, mañá domingo, a partir das 19.30 horas, Lucía subirase ao escenario para afrontar a final. Para apoiala hai que darlle a “gústame” no vídeo da súa actuación colgado no Facebook de Óscar Vox. Mañá farase público o resultado dos votos obtidos na Rede que unidos aos do público asistente decidirán a gañadora do certame.
Desde o Concello de Porriño mostran o seu apoio a esta nova promesa que xa participou nas dúas edicións de “Tes Talento?”, o concurso musical organizado con motivo das Festas do Cristo, e no cal tamén se fixo un oco na final do pasado ano.











