Éxito de público na mostra de 3 coleccións procedentes do Museo do Gravado de Artes de Riveira que se expón na cidade mexicana de Mérida

Exposición en México
Un total de 141 obras pertencentes aos fondos do Museo do Gravado de Artes, de cuxo padroado é presidente o alcalde Manuel Ruiz, están a colleitar un gran éxito de público durante a súa exhibición na localidade mexicana de Mérida, no estado de Yucatán.
As pezas ocupan as tres salas de exposición do Centro Cultural Olimpo sito na localidade. Así, a sala número 1 alberga 24 gravados e 13 augafortes que Rafael Alberti e Alberto Naranjo dedica ao último poemario de García López, “Poeta en Nova York”; a sala 2, “Goya-Dalí, capricho surrealista”, co que se traza unha comparativa entre as creacións orixinais do mestre aragonés e a recreación das mesmas polo xenio de Figueres; e por último, a sala 3 exhibe “Mitolóxicas: Augafortes do século XVI ao XIX”, colección que inclúe obras de diferentes pintores italianos, franceses e flamencos que gravaron, pintaron ou esculpiron escenas mitolóxicas gregas e romanas, ocupando Rubens unha sección especial.
Da expectación con que está sendo acollida esta serie de mostras, inaugurada o pasado 27 de xuño, dá conta o feito de que o propio alcalde desta cidade mexicana de máis de 750.000 habitantes, Renán Barrera Concha, participou nos labores de desembalaxe da exposición ao tempo que eran difundidos nos medios de comunicación do estado.











