Entrega de diplomas e agasallos en catro obradoiros do programa do verán cultural de Riveira
Co gallo da conclusión do mes de xullo o municipio de Riveira deu cabida a unha serie de actos especiais enmarcados na programación do Verán Cultural, destinado a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar na época estival con distintas propostas dirixidas aos pequenos.
Así, a Aula Multimedia de Riveira (Aula CeMIT) deu cabida a un acto de entrega de diplomas e agasallos a 12 pequenos asistentes ao Obradoiro Inforxogo. O acto contou coa participación da concelleira de Igualdade, Aroa Fernández, e do axente TIC, Abel Alonso.
En segundo lugar, o CEIP O Grupo albergou unha entrega de agasallos a 175 nenos entre os talleres Xoga con Nós e Camp Cultural Summer (obradoiro de inglés), ademais de diplomas a 30 rapaces que conclúen a participación este mes. Acudiron a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e o técnico municipal Unai González.
Festival
Por último, o Conservatorio de Música de Riveira deu cabida ao festival de clausura do Verán en Danza, proseguido da entrega de diplomas e obsequios aos 30 participantes. Tamén contou coa presenza de Elvira Pisos, ademais da directora da Escola Municipal de Ballet, Cristina Riveiro.











