Dispoñibilidade de prazas para o Curso de Ecoagricultura que se celebrará na FIG en agosto
O Curso de Ecoagricultura que a Fundación Galicia Verde organizará os días 2 e 3 de agosto no recinto Feira Internacional de Galicia conta aínda con dispoñibilidade de prazas para os interesados en asistir, os cales non precisan ter coñecementos previos e se formarán esencialmente en aspectos prácticos, aínda que tamén teóricos, para acadar un nivel medio no desenvolvemento da ecoagricultura.
O curso abordará 9 aspectos de gran interese. Así, centrarase no estudo da terra, elaboración de compost, análise da terra, planificación e preparación da horta, asociacións e rotacións, sementeiros e transplantes, sistemas de rega, loita biolóxica e fertilización.
Os alumnos, que poñerán en práctica estes coñecementos coa creación dunha horta, terán como docentes a Enrique Banet, farmacéutico que foi director e presentado do programa da TVG Senda Verde durante 10 anos e que agora preside a Fundación Galicia Verde; e Cristina Barreiro, bióloga especializada en plantas e análise de terras.
Os interesados en participar poden informarse sobre todos os aspectos relativos a este curso na páxina web da Feira Internacional de Galicia, www.feiragalicia.com. O prazo de inscrición remata o vindeiro xoves, 31 de xullo.











