Conclúen as melloras de catro tramos nos lugares de Bouza e Lombas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira informa da conclusión das actuacións de mellora de catro tramos de camiño situados nos lugares de Lombas (Palmeira) e Bouza (Olveira). A empresa Nemesio Ordóñez, S.A. foi encargada de executar estes traballos, cuxo prezo de adxudicación ascendeu a 49.082,96 euros.

A actuación está incluída no Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 que, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), está promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

O obxecto fundamental perseguido con este proxecto residiu en pavimentar os citados camiños co fin de permitir a circulación de vehículos en condicións axeitadas dende un punto de vista de seguridade viaria, ademais de reforzar o seu firme.

No lugar de Bouza, a actuación materializouse en dous viais de características distintas: un deles feito de aglomerado asfáltico, aínda que con numerosas irregularidades; e o outro de zahorra e terra vexetal, resultando intransitable nos meses de inverno a causa das chuvias.

En tanto que o primeiro camiño foi pavimentado mediante unha mestura bituminosa en quente tipo D-12, o segundo recibiu un tratamento superficial formado por un triple rego asfáltico estendido sobre unha capa de grava de 20 centímetros de espesor.

En canto ao acceso ao lugar de Lombas, tamén se distinguían dous tramos, ambos de terra natural, pero un con grava e o outro formado unicamente por zahorra e terra vexetal. O primeiro tramo foi pavimentado cunha mestura bituminosa en quente tipo D-12 e o segundo con zahorra.

8 de xullo de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.