Conceden ao Concello do Porriño un novo obradoiro de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello do Porriño recibiu a aprobación por parte da Xunta de Galicia da posta en marcha dun novo obradoiro de emprego para o cal destinou unha subvención de 168.784 euros. Porremprego II ocupará a un total de 19 persoas, veciñas do municipio, durante un período de seis meses, a contar a partir do 26 de setembro, no que combinarán a formación cun traballo efectivo, pois os alumnos-traballadores realizarán obras e prestarán servizos de interese xeral e social, en beneficio de todos os veciños e do municipio do Porriño.

O programa inclúe tres programas: Dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais; Emprego doméstico e limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e Electromecánica de vehículos. As tres especialidades son totalmente diferentes ás impartidas en anos anteriores e todas elas contan con certificado de profesionalidade. “Trátase da posta en marcha de proxectos innovadores nunca antes realizados no municipio e cunha boa proxección de futuro, existindo no mercado laboral ofertas para estes perfís”, sinala o alcalde Nelson Santos.

O concelleiro de Emprego e Formación explica que na primeira das especialidades antes mencionada “desenvolverase a programación dos diferentes actos festivos e culturais do ano que se celebran no municipio e que inclúe a segunda edición de Porrigalia, co obxectivo de consolidar este festexo e ir mellorando ano a ano”. Precisamente, aínda será o próximo fin de semana, 12 e 13 de xullo, cando teña lugar a primeira edición para a cal están reservadas moitas sorpresas que se darán a coñecer en breve no acto de presentación oficial. Na rama de electromecánica de vehículos os alumnos-traballadores “encargaranse do mantemento e a recuperación do parque móbil do Concello, formándose para logo ocupar postos como operario de taller de mecánica rápida, auxiliar de almacén de recambios ou electricista de automoción”. A outra especialidade centrarase en “a limpeza e mantemento dos edificios municipais tanto no centro urbano como nas parroquias, formando ao alumnado para nun futuro poder traballar como empregado de fogar ou persoal de limpeza”.

Paralelamente á formación, recibirán unha retribución salarial polo traballo desempeñado.

5 de xullo de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.