Comezan as melloras no lugar de Bretal, en Riveira, por un importe superior aos 145.000 euros
O Concello de Riveira informa do desenvolvemento nestes momentos de dúas novas actuacións no lugar de Bretal, na parroquia de Olveira, por un valor superior aos 145.000 euros entre ambas: por unha parte, estanse a executar unhas obras de pavimentación e instalación de pluviais nas inmediacións da capela das Angustias e, por outra, afróntase a renovación do parque infantil situado fronte á igrexa de Bretal.
A primeira das obras citadas ten un importe de 112.575,62 euros e está sendo executada por Construcciones Figueiras Vixán, S.L..
Na zona de actuación non existía rede separativa de pluviais e o pavimento estaba moi deteriorado. Co fin de subsanar estas eivas, vaise instalar unha tubaxe de pluviais de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e dous tipos de pavimento: 255 metros cúbicos de formigón pulido e 102 metros cadrados de adoquín de granito. Tamén se están a colocar 13 arquetas sumidoiro, 13 pozos de rexistro e 16 acometidas domiciliarias. A obra ten un prazo de execución de catro meses.
Ademais, tamén se está a proceder á renovación do parque infantil de Bretal: unha actuación cuxo prezo de adxudicación é de 32.670 euros e está sendo executada por Galitec Desarrollos Tecnológicos, S.L.
As obras inclúen a instalación dunha superficie amortiguadora de pavimento de caucho continuo sobre unha soleira de formigón e colocarase un panel informativo. Ademais, procédese á retirada dos xogos existentes, xa que se atopan bastante deteriorados e á súa substitución por un equipo combinado multixogos











