Comezan a gravarse na FIG as primeiras sesións da curtametraxe inspirada en Star Wars

Primeiras sesións da gravación
O recinto Feira Internacional de Galicia acolle durante o día de hoxe a primeira das sesións de gravación dunha curtametraxe inspirada en Star Wars, promovida pola asociación Tropa Korriban.
Nesta primeira xornada de rodaxe trasladáronse ao recinto oito actores e técnicos que traballan na recreación dunha historia que conta con guión orixinal e personaxes totalmente novos, pero relacionados coa famosa saga cinematográfica. Un guión coherente coa súa liña histórica e que contén numerosas referencias a ela e aos seus protagonistas.
A gravación de hoxe, que comezou ao mediodía e se prolongará ata última hora da tarde, ten lugar en localizacións interiores, situadas no edificio do Centro de Congresos do recinto. Ademais desta sesión de gravación, a Feira Internacional de Galicia será o escenario dunha ou dúas máis, cuxa data está sen determinar. Localizacións exteriores e un maior número de actores e técnicos caracterizarán a vindeira sesión.
Está previsto que esta curtametraxe sexa proxectada tanto nalgunhas salas de cine como en eventos cinematográficos de ciencia ficción, ao tempo que se difundirá por outros medios, como internet.
Tropa Korriban
A promotora desta curtametraxe, Tropa Korriban Star Wars Galicia, é unha asociación sen ánimo de lucro que realiza actos e colabora de forma altruísta en actividades educativas, lúdicas e culturais en toda a comunidade galega, sempre relacionadas co mundo Star Wars.
Este colectivo conta cunha primeira experiencia como produtora audiovisual, coa realización cun corto en colaboración coa asociación Itínera, centrada en promover a integración e participación social das persoas con trastornos mentais. Sen embargo, este supón para eles un proxecto “máis complexo” no que son “ambiciosos” en canto a resultados e difusión, para o cal, ademais dos participantes na gravación, contan coa colaboración de centenares de persoas en labores como confección de traxes ou post-produción.











