Carlos Blanco, Xosé Manuel Budiño ou Dani Moreno entre as actuacións destacadas de Porrigalia

Presentación Porrigalia
Xa está todo preparado para celebrar este fin de semana Porrigalia. O aceso da chama olímpica marcará o inicio dos I Xogos Olímpicos de Porriño previo ao cal haberá un desfile do cinco equipos participantes e a lectura do pregón de Panoramix a cargo do rei das “queimadas” de Galicia, Mariano Arévalo, todo iso o sábado a partir das 12.00 horas.
A programación foi presentada esta mañá na Casa Consistorial polo alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Festexos e Deportes, M. Alejandro Lorenzo, acompañados dun grupo da Asociación de Hostaleiros de Porriño a quen desde o Concello agradeceron, do mesmo xeito que a Acipor, a súa implicación na celebración de Porrigalia, a cal complementa as festas patronais de San Benito, “potenciando así, máis se cabe, esta festividade”, remarcaba o alcalde, quen indicou que “con este evento preténdese darlle un acto festivo máis a Porriño e que sexa o centro de atracción da provincia onde concorra un gran número de persoas”.
O concelleiro deu a coñecer a programación para estas xornadas que encherán as rúas do centro urbano, e tamén o velódromo, de actividades ao longo de todo o día. “Haberá pasacalles de agrupacións musicais (gaiteiros, batucada, charangas, tamborileros, trompetistas…) continuamente, que se acompañarán doutros espectáculos de animación como zancudos, malabares con lume, maxia ou paseos en camelo, ademais de xogos populares para os máis pequenos da casa”, sinalaba á vez que anunciaba as actuacións estrela do sábado pola noite, “ás 22.30 horas o show de Carlos Blanco e Xosé Manuel Budiño e ás dúas da madrugada os djs Dani Moreno (El Gallo Máximo, de Máxima FM) e Pablo Dumore, ambos serán na rúa Domingo Bueno”. O outro gran acontecemento da xornada será no velódromo municipal, a partir das 19.00 horas, onde se celebren exhibicións ecuestres, xincana, loita de gladiadores e dúas das modalidades dos Xogos: carreiras de cabalos e de carros, pois o resto de competicións serán o domingo. Haberá un servizo gratuíto de autobuses a partir das 18.30 horas, que sairá da rúa Domingo Bueno até o velódromo, e viceversa, cada 30 minutos. Ao finalizar haberá un gran desfile artístico até a praza Arquitecto Antonio Palacios, onde terá lugar, tanto o sábado como o domingo, unha mostra de cetraría e, a continuación, unha representación teatral.
Os hostaleiros estarán presentes na festa a través da montaxe de dúas carpas, unha na praza Arquitecto Antonio Palacios e outra na rúa Domingo Bueno, e tamén nos seus propios establecementos, os cales serán decorados para a ocasión e ofrecerán tapas e pócimas máxicas que poderán ser valoradas polos asistentes mediante un concurso, habendo outros dous máis, un ao mellor disfrace e outro á mellor fotografía.
As rúas do centro urbano acollerán, ademais dos escenarios das diferentes actuacións e probas olímpicas, un mercado con postos de comida e de artesanía.
Competición olímpica en dúas fases
Fóra das carreiras de carros e de cabalos o dez modalidades restantes (loita, carreiras de 100 metros e de 4×100 metros relevo, xogo da soga, halterofilia, salto de lonxitude e de altura, lanzamento de pedra, corte de troncos e tiro con arco) celebraranse todas o domingo. A partir das 11.00 horas serán as fases de clasificación e logo pola tarde, desde as 17.00 horas, as finais. O concelleiro remarcou que “as inscricións seguen abertas a través da páxina web www.porrigalia.com, onde xa se rexistraron máis de 200, podendo tamén anotarse para participar in situ até media hora antes de que empece o xogo, tendo sempre que ir disfrazado para a ocasión elixindo a indumentaria apropiada a un dos cinco equipos: celtas, romanos, galos, exipcios ou gregos”. Ao finalizar haberá medallas para todos os participantes e entregaráselles un menhir aos gañadores de cada unha das modalidades.











