Auryn e Andy y Lucas serán os pratos fortes das Festas de Verán de Riveira
A Comisión de Festas de Riveira encabezada polo seu presidente José Andrés Alonxo e a concelleira de Cultura Elvira Pisos encargáronse esta mañá de desgranar a programación das Festas de Verán de Riveira 2014, que se celebrarán entre os días 30 de xullo e 2 de agosto.
O tricampión do mundo de parataekwondo, Álex Vidal, será o encargado de ofrecer dende o balcón consistorial o pregón dos festexos, un evento que terá lugar o vindeiro mércores ás 21.30 horas. Ademais, como pratos fortes da celebración cómpre destacar as actuacións do fenómeno adolescente Auryn (na medianoite do mércores) e o popular duo Andy y Lucas (sábado pola noite ás 0.30 horas), ambas na praza de España.
A programación aposta tamén polos grupos locais a través do concerto de música rock que ofrecerá a banda Espazo en Branco o venres 1 de agosto ás 21 horas na praza do Concello. A banda tributo a Queen McKuin, o elenco folk Quempallou, a formación La Banda del Camión ou as orquestras Principal, Tango, D’Moda, Solara, Cosmos e Royal Orquestra forma parte tamén da programación das festas.
A celebración acollerá tamén acontecementos enraizados xa nas nosas tradicións, como a misa e procesión marítima na honra da Virxe do Carme (sábado a partir das 18 horas na lonxa), o lanzamento de fotos de artificio (sábado dende a medianoite) ou a coroación e desfile das Raíñas da Flor (domingo dende ás 19 horas no adro da Igrexa).
Actividades infantís, eventos culturais, alboradas ou exhibicións deportivas integran tamén os cinco días de celebracións.











