As festas de verán de Riveira comezan con música e xogos nas prazas da cidade
As Festas de Verán de Riveira arrancaron esta mañá con distintas propostas en prazas da cidade.
Así, a praza do Concello deu cabida ao longo de toda esta sesión matutina a un conxunto de xogos tanto tradicionais como actuais na actividade denominada Festiriveira, dirixida ao público infantil. Paralelamente, a praza da Igrexa acolleu un concerto da banda de música de Santa Cruz de Rivadulla.
Isto, despois de que 21 bombas de palenque anunciaran a primeira hora da mañá o comezo da festividade e as dianas e alboradas a cargo dos grupos de gaitas Gandaina e O Pichote de Palmeira.
Pregón e Auryn
Sen embargo, o mellor do día está por vir, co pregón a cargo do triple campión do mundo de parataekwondo Álex Vidal (21.30 horas dende o balcón do Consistorio) e co concerto da banda adolescente Auryn na praza de España (00 horas). En canto a esta última é tal a expectación que hai xente acampada dende a madrugada para ocupar un bo sitio, amén de autobuses con clubs de fans que veñen de Asturias e Castela e León.
Tamén actuará a orquestra Principal (23 horas), nesta caso no paseo do Malecón.











