A Xunta condena o acto de violencia de xénero en Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Goberno galego expresa a súa máis firme condena polo acto de violencia de xénero que lle custou a vida a Sara Fernández Camiña, de 81 anos, cuxo cadáver foi atopado na tarde de onte no seu domicilio familiar de Pazos de Bordén, en Pontevedra.

Trátase da quinta morte por violencia de xénero rexistrada este ano en Galicia, un crime polo que o Goberno galego manifesta a súa consternación ao tempo que fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra e colabore para rematar con esta manifestación extrema de desigualdade que é a violencia de xénero.

Desde a Xunta sublíñase a importancia de que as mulleres que sofren malos tratos acudan aos servizos existentes en Galicia para informarse e asesorarse, e presenten denuncia contra os seus agresores, xa que así poden activarse os mecanismos de protección necesarios.

O Goberno galego reitera o seu apoio ás vítimas deste tipo de actos violentos e apela á corresponsabilidade da toda a cidadanía na erradicación deste problema público e social de primeira orde.

Lémbrase que as vítimas teñen a súa disposición o 016, un teléfono gratuíto que garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica. Ademais, froito dun acordo entre a Xunta e o Goberno do Estado, as chamadas que se produzan ao 016 desde o ámbito territorial de Galicia derívanse automaticamente ao teléfono 900 400 273 ou ao 112 no caso de que a usuaria precise atención de emerxencia.

Ás 12,30 horas de mañá, 31 de xullo, o Goberno galego realizará unha concentración de condena deste acto de violencia de xénero no que se manterá un minuto de silencio no edificio administrativo de San Caetano e nas delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

30 de xullo de 2014 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.