A USC organizará en Riveira un curso de verán dedicado a gravados e gravadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A Universidade de Santiago de Compostela está a organizar para este mes de xullo un novo curso de verán no municipio riveirense. Así, se o ano pasado a institución académica impartiu un ciclo dedicado á tradición impresa, nesta ocasión afonda na mesma temática co curso titulado “Gravados e gravadores. Un patrimonio por descubrir”.

O profesor José Manuel López Vázquez (un dos directores da iniciativa dentro do grupo Iacobus, xunto con Juan Manuel Manterroso Montero) e a concelleira de Educación Maricarmen Vizcaya foron os encargados de presentar a acción, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo no Centro Cultural Lustres Rivas.

Sobre a idea de organizar un curso como este, López Vázquez, profesor de Historia da Arte na Facultade de Xeografía e Historia da USC, salientou “o gran patrimonio que Riveira ten no Museo do Gravado de Artes, cuxos fondos son os máis importantes que hai en España”.

En canto ao curso, dous son os eixos de interese. Por unha banda, incidirase na impronta de grandes gravadores galegos e universais (entre eles os barbanzáns Manuel Ayaso e Alfonso Costa, xunto con Seoane, Eugenio Granell ou Goya) e por outra, afondarase na interrelación e influencias mutuas que se teñen producido ao longo da historia entre Galicia e escolas de gravado doutros países.

Escola de Noia

Ademais das conferencias que se impartirán no Lustres Rivas, os asistentes terán oportunidade de desprazarse ata a Escola do Gravado de Noia para observar in situ como se compón unha obra de arte desta especialidade.

Os que queiran asistir teñen ata o 11 de xullo para matricularse. Hai límites de prazas (40). Os interesados en inscribirse ou recibir máis información poden facelo en:

– Campus de Compostela: Secretaría da Universidade de Verán. Colexio de San Xerónimo (praza do Obradoiro s/n). Teléfonos 881 811 018 e 811 811 103.

– Campus de Lugo: Secretaría da Universidade de Verán. Área de Cultura do Campus de Lugo. Pazo de Montenegro (praciña da Universidade). Teléfoo 982 821 513.

Un crédito

A actividade está recoñecida cun crédito ECTS ou de libre configuración para calquera titulación do USC.

7 de xullo de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.