A unión das praias de Coroso e Río Azor continúa coa creación dun tramo de pavimento terrizo
A construción dun paseo entre as praias de Coroso e Río Azor que se iniciou a finais do pasado febreiro está a entrar na recta final, despois de que esta semana comezase a creación do tramo máis próximo ao último dos areais citados.
Neste senso, operarios de Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. (a entidade adxudicataria das obras, cun investimento de 205.089,80 euros) están a empregar un novidoso pavimento continuo terrizo, que se caracteriza por posuír un carácter resistente ao tempo que conserva un aspecto natural que o integra coa paisaxe e o contorno natural. O tramo terá unha lonxitude de 160 metros. Compleméntase con pequenas pasarelas de madeira (co fin de facilitar o acceso ao areal) e unha pequena ponte de granito para atravesar o río Azor.
Os que si están sendo disfrutados xa por numerosas persoas son os outros tres tramos de que consta o novo paseo, cuxa lonxitude total é de 550 metros.
Dous tramos rematados
Dous deles xa están rematados: unha primeira zona feita en formigón impreso na parte inicial do paseo -entre a praia de Coroso e o edificio do camping alí situado-; e mais o terceiro tramo do traxecto, é dicir, a recuperación e acondicionamento de 130 metros dun antigo camiño que foi rasanteado, rastrillado e limpado a través de medios non mecánicos.
En canto ao segundo tramo -tal vez o máis espectacular de todos ao bordear ao longo de 215 metros o perímetro do camping pola súa parte marítima – xa se lle instalaron 150 metros de vallas de madeira e 115 metros de muro de granito co que salvar certos desniveis; e falta actuar sobre o pavimento, que tamén será de pavimento terrizo para integrarse no contorno.
En todo caso, de non suceder ningún imprevisto os traballos de creación do paseo rematarán moito antes dos nove meses inicialmente establecidos durante a adxudicación.











