A recuperación do río Arlés foi a última actuación do Riveira Atlántica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Centro Cultural Lustres Rivas foi escenario elixido para o desenvolvemento dunha nova reunión da Comisión Estratéxica do Proxecto Riveira Atlántica: a terceira e, previsiblemente, a penúltima dos encontros desta natureza realizados dende que, o 1 de xullo de 2011, Europa anunciara o cofinanciamento cun 70% de fondos Feder deste ambicioso plan que, cun investimento global de 7.208.597 euros, ten como obxectivo estratéxico a dinamización do municipio a través da posta en valor dos seus recursos naturais e patrimoniais.

Cómpre destacar que o vindeiro mércores está prevista a celebración dun pleno municipal extraordinario para avanzar na tramitación da expropiación dos terreos necesarios para desenvolver a actuación prevista no río Arlés e, un día despois –o xoves 17 de xullo- iniciarase o experdiente de contratación dos traballos necesarios para executar a obra, a única pendente de iniciarse, que inclúe a construción dunha senda peonil que descorrerá paralela a un tramo do cauce do río.

Así e logo, con esta actuación, o Concello está en condicións de garantir a execución do 100% das iniciativas incluídas en Riveira Atlántica, habida conta de que o prazo para o remate das mesmas está establecido para marzo de 2015. De feito, na reunión da Comisión Estratéxica informouse de que o 89,95% do orzamento inicial do proxecto xa está comprometido.

En canto ao resto das actuacións do Riveira Atlántica, cómpre lembrar que xa rematou hai meses a construción do paseo marítimo do Touro, mentres que o Centro Social e de Ocio Sostible de Oleiros está practicamente ultimado.

No que respecta ao Castro Cidá, a fase de escavación arqueolóxica está concluída e actualmente estase en fase de consolidación das estruturas desenterradas; mentres que o novo mercado municipal foi retomado o pasado mes de abril e as obras avanzan ao ritmo previsto, de tal xeito que se espera cumprir o prazo de 270 días naturais programados.

Replanteo de Area Secada

Por outra parte, esta mesma semana procedeuse co replanteo da actuación que unirá mediante unha senda mariñeira o lugar de Area Secada co porto de Ameixida.

Finalmente, cabe sinalar que xa foi entregado ao Concello o documento definitivo do Plan Municipal de Mobilidade Sostible (PMUS) e xa está en funcionamento a Plataforma Dixital Turística de Riveira, que inclúe un portal web (turismo.riveira.es) e dous aplicacións aptas para dispositivos móbiles con sistema operativo Android e iOS (Smart Riveira e Turismo Riveira).

Na reunión de hoxe participaron o alcalde Manuel Ruiz, os concelleiros Herminia Pouso, Víctor Reiriz, Anxo Orellán, Xosé Antonio Vázquez Cobas, Encarna Romero e Rosa García; o xefe de Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil; a directora de Conservación da Natureza, Verónica Tellado; Manuel García en representación de Portos de Galicia e María Dolores Méndez no nome do Instituto de Estudos do Territorio.

Ao concluír a reunión, os membros da Comisión tiveron oportunidade de comprobar in situ o avance dos labores desenvolvidos en Castro da Cidá (onde foron recibidos polo arqueólogo Miguel Ángel Vidal) e no Centro Social de Oleiros (onde o encargado de explicar as explicacións técnicas foi o arquitecto do edificio, Carlos Soane). Tamén puideron ver outras actuacións como o paseo do Touro e o novo mercado.

10 de xullo de 2014 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.