A pianista Mine Kawakami ofrecerá un concerto na igrexa de Santa Uxía por iniciativa de Cáritas Riveira
A prestixiosa pianista xaponesa Mine Kawakami ofrecerá este venres 25 de xullo un recital –“Siguiendo a Mozart- na Igrexa Parroquial de Santa Uxia por iniciativa da organización Cáritas Riveira.
Esta iniciativa está enmarcada no programa de actos conmemorativos dos 150 anos da construción do templo de Santa Uxía e foi presentada esta mañá no Centro Cultural Lustres Rivas polo párroco Césareo Canabal, e a presidenta, secretario e responsable de formación de Cáritas Riveira, Teresa Pérez, Manuel Mirás e Luis Gaviria.
A actividade terá lugar ás 21 horas e será de acceso gratuíto ata encher o recinto. A organización destacou a dobre vertente cultural e solidaria da iniciativa, pois ademais de ofrecer a posibilidade de asistir de balde á interpretación desta reputadísima pianista (cun altísimo caché que se preferiu non revelar), grazas a esta acción logrouse recadar 6.000 euros en forma de patrocinios de diversas entidades: Frinsa, Congalsa, Gadis, Froiz, Ignacio González Montes e Milar, ademais do Concello de Riveira que ofrece apoio loxístico.
Esta contía será empregada para afrontar gastos derivados da acción social. Neste senso, dende Cáritas Riveira se fixo fincapé en que están dando atención actualmente a 287 familias e que se ben algunhas das súas necesidades están cubertas (especialmente o que se refire a alimentos non perecedoiro) hai outras que é preciso sufragar (luz, aluguer, etc…), pese ás axudas económicas recibidas de organizacións como Cáritas Diocesana, Inditex, Fundación Pedro Barrié de la Maza ou Confederación Episcopal Española.
Tamén se fixo alusión a actividade que se está a realizar dende outras organizacións como Eloraj ou a propia Fundación Amigos de Galicia en colaboración co Concello de Riveira a través de Servizos Sociais.
Programas de formación
Ademais, anunciaron que no mes de setembro porán en marcha dous novos programas formativos para axudar á integración laboral dos máis desfavorecidos. Concretamente, os de repoñedor de supermercado e carniceiro/charcuteiro, que esperan teña os bos resultados de experiencias similares xa celebradas, como un curso de axudante de cociña.
No que respecta a como lograron contactar coa pianista asiática, foi Luis Gaviria, que leva seis meses colaborando coa entidade solidaria riveirense, o que a logrou traer ao ter coa música unha amizade de moitos anos. Do prestixio de Kawakami á conta que ten actuado nos cinco continentes, con actuacións en lugares como Bogotá (Colombia), Lima (Perú), Illas Fidji (Oceanía), Buenos Aires (Arxentina) ou no Teatro Real de Madrid.
Tamén ten actuado en Galicia este mesmo ano: en Vigo e na Catedral de Santiago de Compostela, xunto con Carlos Núñez e en presenza do Príncipe Naruhito de Xapón.











