A nova web turística de Riveira será presentada no Smart City Expo World Congress de Barcelona
A nova Plataforma Web Turística de Riveira foi seleccionada para ser presentada nunha das feiras punteiras do sector das Cidades Intelixentes a escala mundial: O Smart City Expo World Congress (http://www.smartcityexpo.com/), que se desenvolverá entre os días 18 e 20 de novembro na Fira de Barcelona.
A propia organización feiral comunicou esta semana a selección da plataforma web, unha das actuacións incluídas dentro do Proxecto Riveira Atlántica 2015 (que está confinanciado nun 70% con fondos europeos Feder). Antes, tivo que superar unha durísima criba con outras iniciativas.
Os rasgos característicos da plataforma turística de Riveira serán explicados no marco dun evento de entre 60 e 75 minutos de duración, compartido con outros 3 ou 4 proxectos tamén seleccionados, dispoñendo cada un deles dun tempo de 12 minutos. Está previsto que representantes tanto de Avansig (a empresa encargada de crear a ferramenta) como probablemente do propio Concello acudan ao certame.
Unha das claves revolucionarias da plataforma de Riveiraé a integración de distintas tecnoloxías de última xeración co obxecto de proporcionar unha comunicación fluída entre cidadáns, administración, turistas, comerciantes e empresarios.
Neste senso, a ferramenta combina Tecnoloxías da Información Xeográfica (TIG) con tecnoloxías web e tecnoloxías móbiles, o cal se materializa na existencia dun Visor SIG Web (http://turismo.riveira.es/) e dous aplicacións móbiles (Smart Riveira e Turismo Riveira, ) dispoñibles para calquera usuario, ademais dun panel de control de xeito que os técnicos poidan administrar o conxunto da plataforma.
Comunicar á Administración calquera tipo de incidencia a través do móbil, acceder mediante códigos QR a información de realidade aumentada dos atractivos turísticos do municipio, coñecer ofertas de locais de hostalería e próximos eventos, consultar mapas, reservar aloxamentos… son só algúns entre a amplísima gama de recursos que ofrece esta vangardista ferramenta.
A última edición de Smart City Expo World Congress contou con 162 expositores, 9.424 visitantes, 3.043 congresistas e 322 ponentes, con 293 cidades dos 5 continentes representadas.











