A Feira Internacional de Galicia acollerá un completo curso práctico sobre ecoagricultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaSilleda
A-
A+

O recinto Feira Internacional de Galicia acollerá os días 2 e 3 de agosto un curso centrado na ecoagricultura, un tipo de agricultura que engade tres aspectos á cualificada como ecolóxica: a venda de polo menos un 80% da produción nos mercados locais, o emprego maioritario de sementes e árbores autóctonas e a aposta social de que os agricultores vivan dignamente do seu traballo

Organizado pola Fundación Galicia Verde, está dirixido a un máximo de 20 alumnos que non precisan ter coñecementos previos e que se formarán esencialmente en aspectos prácticos, aínda que tamén teóricos, para acadar un nivel medio no desenvolvemento da ecoagricultura.

O curso, que comezará o sábado día 2 ás 9:00 horas e rematará o domingo día 3 ás 18:00 horas, abordará 9 aspectos de gran interese. Así, centrarase en estudo da terra, coñecendo como se formou e a súa evolución; elaboración de compost, análise da terra, para mellorar a fertilidade do terreo; planificación e preparación da horta, incluíndo diferentes instalacións (bancal normal ou en colina, horta en espiral, etc), e asociacións e rotacións, necesarias para optimizar a utilización do terreo. Tamén debullará sementeiros e transplantes, sistemas de rega, coñecendo os mellores para aportar auga e tamén nutrientes; loita biolóxica e fertilización.

Os alumnos, que poñerán en práctica estes coñecementos coa creación dunha horta, terán como docentes a Enrique Banet, farmacéutico que foi director e presentado do programa da TVG Senda Verde durante 10 anos e que agora preside a Fundación Galicia Verde; e Cristina Barreiro, bióloga especializada en plantas e análise de terras.

Os interesados en participar poden informarse sobre todos os aspectos relativos a este curso na páxina web da Feira Internacional de Galicia, www.feiragalicia.com.

9 de xullo de 2014 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.